Entrevistas
3 de agosto de 2012
Regresa a visión goleadora de Dani Martín

O Burela FS Pescados Rubén recuperará a visión goleadora de Dani Martín, despois dunha breve estancia no Azkar Lugo, para a súa posta de gala na elite. O directivo da entidade laranxa Antonio Couto acompañou o ala-pivote salmantino, de 23 anos, na súa presentación oficial, esta semana na sede do club.

Esta será a terceira etapa para Daniel Martín Martín defendendo as cores do Burela FS. Procedente do Carnicer Torrejón, de Honra, en 2009-10 conseguiu a estatuíña de pichichi laranxa, con 28 tantos na liga e 5 en play off. A tempada pasada o salmantino disputou a primeira parte da competición na Mariña, con 18 dianas, antes de volver a Primeira incorporándose en xaneiro á entidade transportista. Internacional sub-21 coa selección española, Dani Martín medrou no Salamanca FS e antes de recalar na bisbarra militou dúas tempadas no Tecuni Bilbo.

“Volvo parar seguir progresando e achegar o meu gran de area. Axudarei en todo o que poida para conseguir que o equipo se consolide na categoría. É un novo comezo”, así expresou, con ilusión, Dani Martín. “A liga de Primeira é máis dura, pero iso non debe limitarnos. O noso primeiro obxectivo será a permanencia e para iso debemos traballar día a día e cos pés no chan. A pesar da nosa inexperiencia na categoría, teremos equipo para ir a todas as pistas coa cabeza alta” asegurou o xogador, que tamén quixo ter unhas palabras para a “grande afección” laranxa pola que se sente moi apreciado. “Sempre dixen que a bancada de Burela é a mellor, tanto en Segunda coma en Primeira. Os afeccionados merecían este ascenso; por fin poderán gozar do espectáculo de Primeira e todos os equipos poderemos gozar do grande ambiente de Vista Alegre”.

Antonio Couto tamén trasladou a ledicia do CD Burela FS polo reencontro con Dani Martín: “É unha aposta firme, sempre o foi; é un xogador moi novo que está preparado para competir na Primeira División e ofrecerá verticalidade ao conxunto”, explicou o directivo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores