Entrevistas
2 de agosto de 2012
O Burela FS reencóntrase co meta Edu no camiño á elite

O Burela FS Pescados Rubén reencontrarase co meta Eduardo Saavedra Cebreiro, Edu, a vindeira tempada no camiño á elite. O naronés, de 33 anos, formalizou esta mesma tarde o acordo que o vinculará á entidade laranxa en 2012-13, xunto ao vicepresidente, Manuel Blanco.

Despois dunha tempada co Oxipharma Granada, co que se proclamou campión da Segunda División, Edu volta á que “sempre considerei a miña casa”, un destino polo que sempre sentiu debilidade: “Despois dun excelente ano deportivo, chego con máis ilusión e para ofrecer todo o mellor de min” dixo o porteiro, amosando tamén optimismo cara á estrea laranxa en Primeira. “Estase perfilando un equipo moi compesando, coas posicións ben cubertas. Coñecendo o corpo técnico e a moitos dos xogadores, estou seguro de que este equipo traballará e se expoñerá ao máximo para cumprir os obxectivos” aseverou Edu. 

“Espero que este sexa tan só o principio. A Primeira División era o que todos anhelabamos dende hai anos; Vista Alegre será un cheo absoluto” concluíu o burelista.

Pola súa banda, Manuel Blanco aplaudiu o regreso de Edu como “unha garantía para darlle continuidade ao esperanzador proxecto do Burela FS. A súa experiencia e regularidade serán unha baza de referencia neste novo ciclo”.

Ex-xogador do Parrulo (1998-2003), Muebles Caloto (2003-04), Barcel Euro (2004-06) e Celta de Vigo (2006-07), o ferrolán conta cunha ampla traxectoria en Primeira. Na súa primeira etapa en Burela, entre 2008 e 2011, Edu converteuse nun dos principais bastións do cadro mariñán, cunha das porterías máis sólidas de Segunda e como un dos burelistas máis queridos pola afección, coa que sempre mantivo unha perfecta simbiose.

O gardameta naronés compartirá responsabilidades baixo os paus co  viveirense Iago Barro, que xa realizou un brillante labor defendendo a escuadra laranxa en 2011-12.

Brais García. Entre os intereses para 2012-13, o CD Burela FS tamén estableceu negociacións para renovación do canteirán Brais García (Burela, 1990), unha negociacións que non chegaron a frutificar. O meta, incorporado  ao equipo de Segunda dende 2009-10, declinou a proposta da entidade laranxa. O club mariñán deséxalle sorte na súa traxectoria e un futuro prometedor nos novos proxectos.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores