Entrevistas
14 de xuño de 2012 A Mariña-El Progreso
José Luis Sáez: ‘O posible ascenso é un rumor e nós traballamos sobre feitos’

O amargo sabor do peche de tempada non empaña a ilusión que espertou o posible ascenso do Burela FS masculino e a loita polo título copeiro do cadro feminino. O director xeral do club, José Luis Sáez, mostrouse satisfeito coa tempada finalizada e xa traballa na próxima. Os rumores apuntan á posibilidade de que podería haber varias renuncias na Primeira División masculina e que o Burela FS tería un oco, aínda que asegura que “nós non traballamos sobre rumores”.

Como o deixa o final de tempada dos dous equipos do club?

Pois un pouco triste, como a todos os afeccionados. O posible ascenso xerara moita expectación na comarca, igual que o título de Copa, pero estamos moi satisfeitos con todo o traballo realizado e polo esforzo dos técnicos e os xogadores e xogadoras. Quédanos a pena de non brindarlle á nosa grande afección algunha das dúas metas.

Empecemos polo equipo masculino. Cal é o balance?

Quedamos con boas sensacións. Estivemos a só 40 minutos do ascenso e seguimos marcando éxitos na historia do club. Creo que ás veces non se valora o suficiente a xestión do club nin o traballo destes xogadores, que unha tempada tras outras loitan por entrar na mellor liga de fútbol sala do mundo.

Sete play offs e séguese negando o ascenso.

Si, é un pouco frustrante, pero creo que todo o mundo estará de acordo que resulta moi complicado dar o último paso. Hai que recordar que o Burela FS compite de acordo coas súas posibilidades e é un dos poucos saneados que hai, o que ás veces nos pon en desvantaxe deportiva. Creo que ao final todo o traballo acabará dando os seus froitos e non cabe dúbida de que ascender sería un gran premio. De todos os xeitos estamos agradecidos ao que fixeron os xogadores e pensamos que os afeccionados laranxas poden ir coa cabeza moi alta por España.

Pero talvez radique aí a forza do Burela FS.

Si, está claro. O activo principal deste club é a masa social. É unha entidade moi arraigada en toda a comarca.

Que parte de mérito ten a directiva do club?

Intentamos xestionar o mellor que podemos os recursos, amparados por unha masa social importante e unha afección incondicional. Creo que acertamos na confección dos cadros e os corpos técnicos, pero tamén cometemos erros, algo lóxico cando se toman tantas decisións.

Fálase de varias posibles renuncias de equipos para competir en Primeira División.

Son os rumores típicos de final de tempada. Hai moitos clubs que os favorecen eles mesmos para presionar as institucións e ao final acaban saíndo a competir, aínda que se retiren a metade de tempada. Nós imos traballar sobre feitos e non sobre rumores.

Cal sería a resposta do club no caso de que a LNFS lle ofrecese unha praza?

Evidentemente estudaríase, pero insisto en que primeiro ten que xurdir a posibilidade. O que non se vai facer é tomar unha decisión sen tino nin hipotecar o club.

Cal é o obxectivo para a próxima tempada?

O máis importante é seguir axustados aos tempos que corren. Imos facer un cadro coa que poidamos cumprir relixiosamente. O que máis doe é ver como outros clubs se endebedan e compiten de forma desleal, pero nós imos seguir perseverando na nosa idea.

Como marcha a renovación de Julio Delgado?

A postura do club é que fixo un bo traballo e estamos moi contentos co labor que realizou. Confiamos en que axiña cheguemos a un acordo para a súa continuidade.

Imos co equipo feminino. Cal é a valoración?

Fantástica. Afianzámonos na superélite da Liga, acabando entre as tres mellores por vez primeira. Hai que ter os pés no chan e pensar que unha pequena vila de 10.000 habitantes está competindo con grandes cidades como Madrid, Córdoba ou Móstoles.

Tamén pretenden asegurar a continuidade de Pardeiro?

Igual ca Julio no masculino. Cando algo funciona ben non hai motivos para cambialo e estamos moi contentos con el.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores