Entrevistas
8 de marzo de 2012
O Majadahonda chega á bomboneira co farol vermello

O Majadahonha FS/Afar 4 chega este domingo á bomboneira, no regreso de Primeira, co hándicap de farol vermello. A 20ª xornada ante o CD Burela FS Pescados Rubén dará comezo ás 12.30 horas.

Sen descanso a pesar da parada ligueira, Lidia Mesías cambiará a camisola galega pola laranxa convencida de facerse cos tres puntos fronte ao conxunto madrileño, o máis goleado da categoría (133 tantos), aínda que cos pés no chan: “A priori parece ser un rival bastante accesible, pero non podemos confiarnos porque realmente non hai tanta diferenza entre os equipos e, ademais, o Majadahonda chegará moi ilusionado despois de empatar en Logroño, tras moitas xornadas sen puntuar” explicou a ala burelista, facendo referencia aos altibaixos do rival. O certo é que ao Majadahonda non se lle está dando nada ben a estrea en Primeira; ten 7 puntos e tan só conseguiu tormarlles a medida ao Diamante Logroño (1-4 e 3-3) e ao Natudelia.com Zaragoza (5-2).

Con respecto a unha grande ausencia no banco laranxa, a de Javier Pardeiro, que cumprirá esta semana o segundo e último encontro de sanción tras a expulsión en Ourense, a burelista reflexiona: “Estamos moi ben instruídas, Pardeiro prepáranos para todo; somos un bloque onde cada unha sabe o que ten que facer, así que esperemos saír airosas e que vaia tan ben coma co 2-0 ante o Cajasur” dixo Lidia, concluíndo “se non perdemos a concentración os tres puntos quedarán en Vista Alegre”.

No primeiro enfrontamento da tempada, as mariñás impuxéronse por 2-7.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores