Entrevistas
17 de febreiro de 2012
Derbi irmandiño e duelo de boas sensacións

Ao Burela FS Pescados Rubén agárdao mañá derbi irmandiño e duelo de boas sensacións na casa do poderoso Ponte Ourense, campión de liga 2010-11. Ambas as escuadras poñerán a proba a súa imbatibilidade das últimas oitos xornadas na pista dos Remedios (17.00 horas).

A pichichi laranxa, Ro Carballés, destacou o bo momento no que chega a cita galega para as mariñás: “Estamos no mellor momento físico da tempada; a planificación foi a esperada e sabiamos que iamos chegar a estas alturas en óptimas condicións. A isto únese o plus de enerxía pola ledicia que nos están dando os resultados”.

Pechando o podio con 38 puntos, as ourensás recibirán o cadro de Javier Pardeiro, na sétima praza (32 puntos), cun conxunto ateigado de internacionais que conta ademais coa máxima goleadora da categoría, Ampi (25 tantos). Outro dos hándicaps para o Pescados Rubén é o parapeto dos Remedios, onde o Ponte tan só cedeu puntos en dous empates, fronte ao Cajasur Córdoba (2-2), na segunda xornada, e o Femesala Elche (3-3), na sexta.

Mediranse os dous equipos menos goleados de Primeira, con tan só 29 tantos encaixados en 17 xornadas. “Será un encontro moi igualado; os dous equipos partiremos coa filosofía de atacar e ir a polo partido, buscando a posesión do esférico”, dixo a pivote mariñá, puntualizando sobre o papel burelista: “Debemos ser fieis ao noso xogo e confiar en nós porque xa demostramos que somos capaces de facerlle fronte a calquera rival”.

O vestiario laranxa estrea a incorporación das brasileiras Cely e Milena. Poderá ser dúbida Dolo, cunha escordadura de metatarsiano, que a mantivo afastada dos adestramentos durante a semana. Lucía evoluciona, segundo os prazos previstos, da intervención de ligamento cruzado anterior.

Rivais. Tan só 1 punto por encima do Pescados Rubén, o Femesala Elche defenderá a sexta praza, na pista do oitavo clasificado, UA Alicante (23).

 

Próxima xornada

Vista Alegre celebrará a chegada da 19ª xornada da Primeira División, ante o flamante Cajasur Córboba, con Entroido Laranxa, o domingo 26, ás 12.30 horas. Todos os afeccionados/as que acudan disfrazados ao partido terán acceso gratuíto.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores