Entrevistas
17 de febreiro de 2012
O Burela FS perseguirá un novo rumbo en Ceuta

O Burela FS Pescados Rubén retoma a competición da Segunda División perseguindo un novo rumbo, que lle devolva o triunfo, en Ceuta, ante un rival en zona de play off. O enfrontamento decidirase mañá no complexo deportivo Guillermo Molina, a partir das 18.00 horas.

“Estes días sen liga fixéronnos moi ben para aclimatarnos á filosofía de traballo e de xogo de Julio Delgado”, explicou o burelao Iago Míguez, que ademais tamén destacou a “unión e tranquilidade do equipo porque confiamos na nosa competitividade”. 

O cadro laranxa (23 puntos) loitará por darlle peche a unha etapa sen vitorias á que non está en absoluto acostumado. No entanto, non será unha tarefa nada doada a que se lles presenta aos mariñáns en territorio ceutí, fronte a un equipo que defende a oitava praza, empatado a 28 puntos con Gáldar, sétimo, e Fuconsa Jaén, noveno. “É un equipo que pelexa moito, xa se viu na primeira volta, onde marcamos o gol do triunfo (2-1) a falta de 7 segundos; debemos plantarnos cunha defensa aguerrida para frear os seus dotes goleadores” asegurou Iago, que tamén incidiu na fortaleza do UA Ceutí no seu domicilio, onde só caeu ante Hospitalet (0-2) e Oxipharma (4-6) e empatou con Manzanares (5-5).

“Necesitamos que chegue unha vitoria para recuperar toda a confianza en nós mesmos. Estamos elaborando e facendo un xogo dominador e debemos perfeccionar a finalización, porque ofensivamente temos calidade, para materializar a escalada” dixo o ala-pivote laranxa, firmemente convencido da consecución das metas burelistas: “En ningún momento aparcamos o noso obxectivo; non daremos nada por perdido, pelexaremos ata o final pola loita polo ascenso” concluíu.

Julio Delgado poderá dispoñer de todo o vestiario para mañá, a excepción de Brais, que continúa o proceso de recuperación da rotura de abdutor. Purao, afectado dunha fascite plantar, xa puido adestrar dende onte con normalidade.

Outras pistas. Un dos encontros que máis lles interesan aos laranxas na súa escalada para esta xornada é o do Hospitalet Bellsport (décimo, 24 puntos), que recibirá o quinto clasificado, Sala 5 Martorell (29 puntos).

 

Próxima xornada

Vista Alegre celebrará a chegada da 21ª xornada da Segunda División, ante o Hospitalet, con Entroido Laranxa, o sábado 25, ás 18.30 horas. Todos os afeccionados/as que acudan disfrazados ao partido terán entrada gratuíta.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores