Entrevistas
14 de febreiro de 2012 A Mariña-El Progreso
Pardeiro: 'O Soto foi o equipo máis defensivo que pasou por Vista Alegre'

A última vítima do Burela FS Pescados Rubén foi o Soto del Real. Despois da súa proeza en Móstoles (2-11), a escuadra mariñá volveu callar un bo partido, aínda que o 3-2 final indique que non tivo tanto acerto de cara á portería contraria. “Sabiamos que atopariamos un rival pechado, pero seguramente foi o máis defensivo da liga. Incluso con 3-0 ao noso favor seguiron metidas nos 15 metros e só buscaban un erro noso para poder saír á contra” explicou Javier Pardeiro.

O técnico considera que o resultado final non tivo nada que ver co visto sobre a pista e considera que o triunfo debeu ser moito máis amplo, tanto por xogo coma por oportunidades. “Con 3-0 no marcador tivemos ocasións claras para sentenciar o encontro, pero faltounos o nivel de tino da fin de semana anterior, por poñer un exemplo”, asegura Pardeiro, que incluso chegou a temer por un posible empate cando o rival se achegou no marcador. “O Soto non nos fixo ocasións en ataque posicional, pero atopouse cun gol nun erro noso no pase e nunha volea tremenda, de moito mérito, nunha xogada de estratexia. Con 3-2 houbo certos momentos de incerteza porque calquera rexeitamento podía poñer en perigo os tres puntos”, afirmou.

Pardeiro defende o xogo desenvolto polo seu equipo, que nunca renunciou a buscar a posibilidade de marcar máis goles, incluso gañando por tres de diferenza. “Manexamos ben moitos aspectos do xogo, pero non resulta sinxelo atopar espazos ante un rival pechado. Por momentos buscamos ben o xogo de pivote, pero insisto en que non tivemos sorte na finalización. Puxémolo todo e as xogadoras souberon en todo momento interpretar o que había que facer” asegurou.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores