Entrevistas
3 de febreiro de 2012
Iago Barro: 'Estamos centrados no xogo e coa maior ilusión para desarmar o Gáldar'

Vista Alegre acollerá mañá o que constitúe todo un clásico da Segunda División, na visita do Gáldar Gran Canaria FS ao Burela FS Pescados Rubén (18.30 horas), coa estrea de Julio Delgado á fronte do vestiario mariñán. Iago Barro, encargado de defender a meta laranxa nas últimas citas, trasladou a implicación do cadro por regresar aos bos resultados: “Estes días houbo cambios, pero nós debemos ser alleos. Estamos centrados no xogo, esforzándonos, e coa maior ilusión para desarmar o Gáldar”.

Catro posicións, aínda que tan só 2 puntos, afastan os insulares, sétimos, dos burelaos, undécimos. “Por tradición, os enfrontamentos co Gáldar sempre son moi intensos” dixo Iago Barro, que incidiu no impulso que experimentaron os canarios: “Tiveron un comezo moi irregular, en postos de descenso incluso, aínda que en xogo estaban tranquilos, como lle ocorre ao Burela FS; buscaron o revulsivo nos últimos movementos de inverno e estano atopando recuperando resultados e posicións”. “A veteranía é o maior perigo do rival, con xogadores que non se van do partido doadamente. Debemos levar o peso do encontro para contrarrestar esa experiencia” analizou o laranxa.

“É a hora de reaccionar. É o verdadeiro momento de unirnos todos, vestiario, corpo técnico, directiva e afección, e recuperar en Burela o fortín das tempadas anteriores. Temos que recuperar a plena confianza e volver colocar o equipo onde realmente merece” concluíu o meta viveirense.

Non só serán os laranxas os que presenten caras novas. Tras a marcha de Yoni en decembro, os insulares incorporaron a David Guerra e Gonzalo Martín do filial; tamén supliron a saída do porteiro Sergio Gama, con Dani Cabezón, procedente do UA Ceutí, e co regreso de Óscar Desa. A todas estas variantes tamén hai que engadir a ausencia de Safar, en pleno Campionato de Europa de Seleccións con Romanía, e a dúbida de Augusto, por unha escordadura leve de nocello.

Julio Delgado poderá contar con Clebinho, tras cumprir dous partidos de sanción; tamén entrará na convocatoria o porteiro trabadense Javier Fajardo, ante a ausencia de Brais, que segue arrastrando unha contractura.

Na cita das illas os laranxas regresaron cos tres puntos (2-5). A última vez que os canarios visitaron Vista Alegre foi no apaixonante play off a tempada pasada, con 4-0 para os mariñáns.

Outros encontros da xornada. O posible impulso da xornada para os burelaos estará condicionado por outros tres encontros fundamentalmente. O UA Ceutí, oitavo con 25 puntos, visita a cancha do Sala 5 Martorel, cuarto (29); o Fuconsa Jaén defenderá a novena praza (25) recibindo o terceiro, Hotels Plaza Andorra (30); e o décimo, Hospitalet Bellsport (24), viaxará á pista do pechacancelas, Space Gasifred Ciutat d’Eivissa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores