Entrevistas
27 de decembro de 2011 La Voz de Galicia - A Mariña
José Luis Sáez: 'O ascenso é unha prioridade'

A reorganización do cadro masculino que executará o Burela durante o asueto do Nadal responde a un cambio de plans. O ascenso a Primeira División convértese nunha «prioridade  absoluta», tal e como sinala José Luis Sáez (Monforte, 1968), director xeral da entidade desde hai pouco máis dun ano. O dirixente burelista desvela máis fichaxes que a de Bebeto,
xa presentado, e tamén anuncia reforzos para o equipo feminino.

- Foi o 2011 un bo ano para o CD Burela FS?

-Temos motivos para crer que si. A nivel de club conseguimos traer a Burela a Copa de España feminina e desde todas as instancias federativas tanto autonómicas como nacionais, e moitas políticas, fomos felicitados pola organización. A isto hai que sumar a gran tempada do equipo feminino na Primeira División, clasificándose por méritos propios para esa Copa, e a nova fase de ascenso disputada polo equipo masculino.

 - E economicamente? Duro, imaxino.

- Os tempos que corren obrigáronnos a axustar moito os gastos en todos os ámbitos e de momento estamos conseguindo non estirar o pé máis do que dá a manta, dito dun xeito coloquial.

- O día 29 presentarán as contas en asemblea. Que se atoparán os socios?

- Un club saneado, sen débedas.

- As fichaxes no mercado de inverno non descadrarán as contas?

- En agosto non fixemos grandes fichaxes porque non podiamos. Se as fixeramos agora arrastrariamos unha débeda importante, e se as facemos agora é porque a economía nolo permite.

 - Para o equipo masculino xa chegou o brasileiro Bebeto, procedente do Zaragoza. Cando oficializarán a contratación de Víctor López?

- As fichaxes que facemos sempre as presentamos en canto temos no noso poder a carta de liberdade dos seus clubs de procedencia.

- Chegarán máis de dous?

-De momento só hai un e barallamos a posibilidade de que cheguen polo menos dúas máis.

 -Para facer sitio no equipo alguén terá que saír.

- Indubidablemente.

- Pode avanzar algún nome?

- As baixas que se produzan serán decididas polo corpo técnico.

- Tanto movemento interprétase como unha clara declaración de intencións, unha aposta firme polo ascenso.

- Así é. O ascenso pasa a ser unha prioridade absoluta. Imos apostar fortemente polo ascenso á Primeira División do equipo masculino e por un papel preponderante do feminino na próxima edición da Copa de España.

- O equipo masculino pechou o ano con catro derrotas consecutivas que puxeron en dúbida o traballo do técnico.

- Non vou ratificar o adestrador porque non está cuestionado por parte desta xunta directiva. Ao noso xuízo Quique García é un técnico traballador, serio, recto e xusto e aí está o vestiario para corroboralo. Todos os xogadores tiveron a oportunidade de demostrar a súa valía, así que ninguén pode chamarse a enganos cando se produzan as baixas.

- Reforzarán tamén o cadro feminino?

- Si, si, tamén, levamos tempo traballando niso. A ninguén se lle escapa que o equipo feminino está moi xusto de efectivos.

- A grandes liñas, cales son as grandes diferenzas entre o director xeral e o presidente nun club como o Burela?

- Normalmente os directores xerais e os xerentes son profesionais, empregados do club cun salario. No noso caso optamos por outra fórmula, somos directivos que estamos
traballando para o club sen que iso lle supoña ningún custo. O meu labor é como o dun director executivo dunha empresa: executar as decisións que se toman na xunta directiva.

- Non é o único cargo que ostenta dentro do deporte.

- Tamén son directivo da Liga Nacional de Fútbol Sala, representando un club da Segunda División, e vicesecretario do Comité Galego de Fútbol Sala, creado este ano pola Federación Galega de Fútbol.

 

Fonte: La Voz de Galicia

Fotografia: Pepa Losada

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores