Entrevistas
22 de decembro de 2011
O brasileiro Bebeto, reforzo de inverno para a escuadra laranxa

O ala-pivote brasileiro Alexandro Ribeiro Cardoso, máis coñecido como Bebeto, chega á Mariña para reforzar a escuadra laranxa en 2012. O xogador, que estivo acompañado polo vicepresidente da entidade do CD Burela FS, Manuel Blanco, na presentación oficial, recala no Pescados Rubén despois de realizar o primeiro tramo da tempada no Umacon Zaragoza, da Primeira División, club que mantén unha excelente relación coa entidade burelista e que facilitou os trámites de incorporación da última fichaxe mariñá.

O canarinho, de 32 anos (Salvador de Bahía, 16-09-1979), militou a campaña pasada no São Paulo Marília Construban, do seu país natal. No seu palmarés máis recente, figura a Liga Nacional de Futsal e a Superliga do Brasil co afamado Malwee, en 2010; UCS (2002-05) e Cortiana/AFF (2006-09) completan os clubs de referencia na súa traxectoria deportiva, onde destacou como un dos principais artilleiros. A española non é a súa primeira incursión no fútbol nesta beira do Atlántico; na tempada 2005-06 xa defendeu o TTG Java de Rusia. A súa calidade tampouco pasou inadvertida para a selección brasileira, con convocatorias tanto en fútbol sala coma en fútbol praia.

“O proxecto do Burela FS para min é un desafío; é un equipo con estrutura e calidades para estar en Primeira” dixo Bebeto, entregado e ilusionado coa súa nova etapa en terras galegas: “Veño para traballar duro e axudar en mobilidade e carácter ofensivo; estou seguro de que poderei desempeñar con confianza as miñas aptitudes” engadiu o xogador brasileiro. Manuel Blanco, dende as filas laranxas, sinalou a nova incorporación como “unha chegada necesaria na progresión do equipo para volver pelexar entre os mellores unha tempada máis e optar ao ascenso”.

Bebeto xa se sumou esta semana aos adestramentos do Burela FS Pescados Rubén.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores