Entrevistas
9 de decembro de 2011
Ique: 'Temos que sacar os seis puntos en xogo de 2011'

O Burela FS Pescados Rubén disputará o seu último partido do ano como visitante en Cataluña, ante o FC Barcelona B; será mañá a partir das 16.00 horas, no Ciutat Esportiva Joan Gamper. “Temos que sacar os seis puntos que quedan en xogo en 2011 para quedar arriba na primeira volta” asegurou o pivote laranxa Carlos Henrique Ribeiro, Ique, que destacou a ‘fortaleza’ do rival barcelonés como local.

O cadro laranxa saltará á pista do décimo terceiro clasificado, que, con 12 puntos, navega co ronsel perigoso dos postos de descenso; os burelaos mediranse a un dos máximos anotadores da categoría, con 48 dianas, só por detrás de Oxipharma e Martorell, aínda que tamén un dos máis goleados (52). Para volver á senda da vitoria, os mariñáns recorrerán a filosofía exposta na Copa do Rei, como explicou Ique: “Ata agora arrastramos a grande incógnita dos altibaixos, pero creo que estamos atopando o camiño axeitado. Fixémolo con Lobelle, na Copa; nun encontro con moita intensidade fomos capaces de repoñernos duns minutos dubidosos na segunda parte. Estou seguro de que este será o Burela que se poderá ver a partir de agora e ata o final de tempada”.

O brasileiro Ique tamén falou do paralelismo entre a súa evolución persoal e do cadro burelista. “Despois da adaptación ao fútbol sala español na tempada pasada, nesta medro xornada a xornada como a totalidade do equipo, nunha liña ascendente; estou dando todo o que podo e aproveito ao máximo as oportunidades para poder chegar no mellor estado aos play offs” dixo o pivote, que puntualizou que a súa misión no Burela é “axudar ao máximo no que sexa, tanto en goles coma en defensa, en calquera tarefa que se me asigne”.

O Barcelona B, que xa encadea tres xornadas sen puntuar (Gáldar 5-4, Martorell 3-8 e UA Ceutí 5-3), chegará con moita forza para recuperar os bos resultados, botando man da súa pista, na que conseguiu 8 dos seus actuais 12 puntos. Segundo explicou tamén o adestrador laranxa, Quique García, “xogar contra un filial sempre é dificil; o Barça B ten xogadores de moita calidade que impoñen un ritmo alto en todos os encontros. Conseguir a vitoria daríanos unha oportunidade máis de acceder ao segundo posto”. “Será fundamental controlar a defensa e impoñer a nosa identidade e experiencia en ataque” engadiu o estratega burelista.

Rivais directos. Cun punto de diferenza cos laranxas, o Sala 5 Martorell, segundo, visita o UPV Maristas Valencia, décimo; na terceira praza, o Hotels Plaza Andorra disputará o duelo da xornada na zona alta ante o Manzanares, sétimo; o UA Ceutí, cuarto, medirase ao undécimo, Hospitalet; e Fuconsa Jaén, quinto, recibirá o Space Gasifred Ciutat d’Eivissa, en postos de descenso.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores