Entrevistas
2 de decembro de 2011
Duelo directo en Martorell

A décimo segunda xornada de Segunda depara para o Burela FS Pescados Rubén duelo directo lonxe da casa ante o Sala 5 Martorell, enfrontamento ao que ambas as escuadras chegan nunha boa liña de resultados. O municipal martorellense acollerá o encontro entre a quinta praza catalá (18 puntos) e a cuarta mariñá (20) ás 18.00 horas.

O peche Anderson de Almeida, Purao, tira de veteranía e experiencia para garantir a presenza laranxa entre os mellores unha tempada máis: “Agora que conseguimos plasmar o noso traballo na táboa, temos que mantelo. O equipo ten a confianza suficiente para prolongar a suma de tres en tres”. Na súa cuarta tempada, o brasileiro asume sen presión a responsabilidade de ser unha das principais referencias dun cadro con moita xuventude: “A miña premisa é axudar e compartir todos os meus coñecementos e experiencia cos meus compañeiros, ao tempo que tamén aprendo deles. Persoalmente aínda podo dar un pouco máis e estou traballando para iso” explicou o xogador.

O Burela FS medirase ao segundo máximo goleador da categoría (49), por detrás do Oxipharma, que conta cun vestiario moi compensado con xuventude e experiencia, coa referencia ofensiva de Diego Blanco e o equilibrio de Jordi Gay. “Será un partido moi intenso; é un equipo que aperta moito na casa, cunha cancha histórica que fai moita presión coa afección” dixo o brasileiro, que asegurou que o encontro “se decidirá por pequenos detalles; debemos estar concentrados para evitar erros” dixo Purao.

Quique García poderá contar co vestiario ao completo para mañá, a excepción de Christian, na última fase de adaptación para reincorporarse á dinámica competitiva tras a intervención de xeonllo.

O podio tamén será testemuño doutro dos duelos directos da xornada, na visita do Andorra, segundo (21 puntos), á cancha do líder granadino (25). Para o terceiro clasificado, Fuconsa Jaén (21), o desafío parece quedar máis á man, co desprazamento á pista do actual pechacancelas, Melilla FS.

Derbi galego. Vista Alegre acollerá o vindeiro martes, 6 de decembro, a terceira eliminatoria da Copa do Rei entre o Burela FS Pescados Rubén e o Autos Lobelle de Santiago FS, da Primeira División (18.30 horas). Ata o luns 5, todas as persoas interesadas poderán retirar a súa entrada (3 euros socios/as e 10 euros non socios/as) na sede do club (Horario de atención: 10.00-14.00 e 16.00-19.00 horas); a venda no pavillón abrirase unha hora antes do encontro.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores