Entrevistas
28 de setembro de 2011
A cadete Paula Cortiñas, no equipo de Primeira División

A cadete cervense Paula Cortiñas Pardo xa é xogadora do conxunto laranxa sénior, da Primeira División. A pivote, de 15 anos, estivo acompañada polo directivo do CD Burela FS Pescados Rubén Marcelino Luna na súa presentación, na sede da entidade.

Paula, procedente da ED de Viveiro e que xa tivo a oportunidade de compartir algunha sesión coa escuadra burelá na recta final da pasada tempada e esta pretempada, amosouse moi leda coa súa incorporación oficial ao conxunto: “Pouco a pouco estoume integrando ben, coñecendo as compañeiras e asimilando a dureza das sesións. A familia, sobre todo meu pai, e os amigos están moi orgullosos e ilusionados; incluso me fan bromas do profesional que son”. “Espero mellorar na técnica persoal e conseguir un bo xogo en equipo. Estou aprendendo moito con Pardeiro; é un adestrador moi paciente nas explicacións e que sabe como espremer o potencial de cada xogadora” dixo a cervense, que tamén ansía gozar “dalgún minuto” na elite este ano.

Marcelino Luna destacou a chegada da novísima promesa como “un grande orgullo para a nosa entidade, que aposta dende hai anos pola formación de base e o impulso do fútbol sala feminino”. O directivo burelista tamén incidiu na “proxección e calidade” de Paula, “que se está adaptando moi ben ao cambio de adestrar con nenas da súa idade a adestrar con xogadoras de elite”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores