Entrevistas
18 de agosto de 2011
Peque: 'Serei un apoio máis na presión, achegando dinamismo e rapidez no xogo'

Inmersa na engrenaxe de pretempada, Patricia González Mota (Madrid, 1987), Peque, unha das novas caras do Burela FS Pescados Rubén, falou da súa chegada ao conxunto. “Serei un apoio máis na presión, achegando dinamismo e rapidez no xogo e espero que tamén gol arriba”, dixo a nova ala-pivote laranxa manifestando a súa ilusión no proxecto: “É un equipo moi competitivo. Levamos dous adestramentos de pelota e dende o primeiro momento estase vendo un ritmo altísimo”.

A madrileña, procedente do Diamante La Rioja co que quedou subcampioa da Copa de España Burela 2011, destacou a súa doada adaptación ao equipo mariñán: “Non me está custando nada integrarme. No que notei unha  diferenza máis notable ata o momento foi na intensidade dos adestramentos; estaba acostumada a tres sesións semanais, como moito cinco en pretempada, e aquí estamos facendo oito ou nove; aínda así o físico está respondendo ben”.

A ala-pivote recala no Burela FS coa mirada posta na sabedoría técnica: “Podo aprender moitísimo de Pardeiro; a súa visión de xogo foi o que máis me chamou a atención deste equipo. É un adestrador que aclara moito as cousas; todo o que se fai ten un porqué e sempre o explica”. “Entre os obxectivos  debe estar a Copa e algo máis na liga” dixo Peque, que identificou a unidade do cadro e o traballo como os segredos do éxito burelao: “É un equipo unido no que individualmente non destaca ninguén pero no que todas se complementan ao cento por cento. Iso foi o que o levou, por exemplo, este ano a ser cuarto. Todo o traballo se reflicte na pista”.

Peque tamén loou a forma de vivir o fútbol sala en Vista Alegre, un sentimento que xa experimentou non só na liga senón tamén na Copa, en xuño, e sobre todo na vibrante final ante o Móstoles FSF: “O ambiente que se vive aquí non é nada habitual; a bancada está chea e non deixa de animar. É un xesto que se debe agradecer; a afección axuda moitísimo o equipo local e iso notámolo, sobre todo, a xente que vimos doutros clubs” engadiu a xogadora laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores