Entrevistas
20 de xuño de 2011
José Fraga e Lidia Mesías: 'O máis gratificante foron as sesións cos nenos'

Os alumnos do IES Monte Castelo Lidia Mesías e José Manuel Fraga finalizaron a semana pasada as súas prácticas no CD Burela FS correspondentes ao ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas. “O máis gratificante na nosa experiencia no club foron as sesións cos nenos e nenas da escola; é unha tarefa moi agradecida” aseguraron os estudantes.

Tanto Lidia, que xa coñecía a entidade como xogadora do Burela FS Pescados Rubén, coma José tiñan claro o seu centro de formación dende o principio. “É a máxima referencia deportiva da comarca, con estrutura de elite e categorías de base. Puidemos poñer en práctica os coñecementos adquiridos no ciclo a través das sesións de adestramento, pero tamén na xestión da escola, unha parte pouco visible, moi laboriosa e con moita importancia. Despois da miña experiencia, animo ao resto alumnado a realizar as prácticas aquí” dixo José.

O director da ED EON Burela FS, Alfonso Mera, que dende o 28 de marzo coordinou e supervisou a José e Lidia, destacou a boa actitude dos estudantes: “Internáronse na realidade laboral do club sen ningunha complicación, onde puideron completar a súa formación poñendo en práctica dende labores propios de xestión, coa organización de torneos de base ou a colaboración na Copa de España de Fútbol Sala Feminino, ata a participación no día a día dos adestramentos da escola nas diferentes categorías”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores