Entrevistas
8 de febreiro de 2011 A Mariña-El Progreso
Suso Rey: 'Somos un equipo que medramos dende a defensa'

O 7-2 ante o Andorra, en Vista Alegre, eleva o ánimo do Burela FS e aproxima os laranxas á zona nobre de play off. Os pupilos de Suso Rey fixéronse cunha vitoria moi necesaria, nun encontro con sobresaliente dos dez primeiros minutos e da segunda parte, dende a óptica do adestrador mariñán.

“Comezamos moi fortes, presionando a liña de creación e sen deixar xogar o rival; así conseguimos o 2-0”, sinala Rey, que recoñece a baixada posterior. “Desaxustámonos un pouco e faltounos paciencia. O rival medrou e meteuse no partido aproveitando unha falta moi dubidosa”.

O segundo período empezou cunha xogada entre os brasileiros, pero a tranquilidade tardou en chegar. “Clebinho e Ique fabricaron unha marabilla, pero tocounos volver sufrir porque encaixamos o 3-2 nunha xogada de estratexia, que é algo que hai que mellorar”, asegurou o técnico burelista, que ademais destacou o traballo de Christian e Minu. “Christian estivo sensacional na finalización e Minu completou un partido estupendo pero tamén quixera destacar a defensa no cinco para catro, que foi excelente”.

“Somos un equipo que medramos dende a defensa. Aínda que nos consideramos un conxunto ofensivo, na tempada faltounos contundencia e sorte cara á portería contraria”, sinala Rey, que destaca a proxección do equipo e a marxe de mellora pendente. “Clebinho e Ique axudaron moito, pero acaban de chegar e farano máis cando se adapten ao noso xogo. Ademais temos que recuperar xogadores ausentes”, concluíu o preparador laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores