Entrevistas
2 de novembro de 2010 A Mariña-El Progreso
Suso Rey: 'Saímos moi metidos no encontro e iso permitiunos a renda de goles'

O último choque ligueiro no feudo do Eivissa foi pelexado, pero controlado en todo momento polo Burela FS, que se fixo cunha importante vitoria por 3-6. “O encontro foi complicado, xa que aínda que o rival tiña só catro puntos na clasificación perdera só un partido na casa. Eles tiñan moitas baixas pero nós tamén, xa que á coñecida de Víctor uniuse a de Juanma por moitvos persoais, pero soubemos ler ben o partido e logramos o triunfo”, sinalou Suso Rey, adestrador dos mariñáns.

A presión volveu ser clave no xogo laranxa, dificultando a saída de balón do Eivissa e, de paso, xerando perigosas ocasións en ataque. “Foi un encontro no que tivemos moita posesión, xogando entre liñas e con presión na zona alta. Saímos moi metidos no encontro e iso permitiunos coller rapidamente unha renda de dous goles”, indicou o técnico do Burela FS. A pesar de que o dominio mariñán era total, a sorte favoreceu os locais, que conseguiron recortar distancias ata situar o 3-3. Parecía un resultado inxusto, pero o Burela foi máis intelixente e esperou o seu momento. Este chegou desde os dez metros, xa que o Eivissa cargouse rapidamente de faltas no segundo tempo. “Eles atopáronse cun empate que, con todos os meus respectos, non merecían. Soubemos manter a calma e a posesión de balón ata que a través dun dobre penalti nos puxemo por diante. Logo eles empregaron porteiro-xogador e marcamos dous goles máis”, indicou Suso Rey.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores