Entrevistas
31 de agosto de 2010
Suso Rey: 'A fortaleza do Burela FS reside no grupo'

Diversión, compromiso e, sobre todo, grupo volverán botar raíces como premisas do xogo laranxa. “O punto forte do Burela FS reside no grupo; os resultados só nos acompañarán sendo un equipo dentro e fóra da pista, apoiándonos e sacrificándonos polo compañeiro” explicou Suso Rey analizando a preparación burelista 2010-11 na véspera do  último amigable de pretempada, que enfrontará os mariñáns ao Pinturas Brulak, de Primeira Nacional A, en Vista Alegre (20.30 horas).

O técnico laranxa amosa a súa satisfacción pola evolución do cadro durante a pretempada, a pesar dos obstáculos: “Dende o primeiro día melloramos substancialmente; collemos sistema de xogo, estámonos afianzando na defensa e estamos traballando ben en canto ao tema ofensivo.  No entanto, as lesións impedíronnos contar con todos os efectivos e a progresión do equipo viuse afectada”.

Coas portas aínda abertas ante algún posible reforzo, Suso Rey xa ve superada a adaptación das incorporacións. “Despois dun intenso traballo de preparación física, os novos xogadores estanse amoldando ao equipo con confianza e isto repercute favorablemente no xogo de balón”.

“No último amigable de preparación, ante o Brulak, buscaremos perfeccionar a defensa. É o noso principal obxectivo; neste aspecto debemos estar ao cento por cento de cara ao sábado, porque sabemos que se defendemos ben teremos moitas opcións de sumar puntos na liga”, concluíu o preparador mariñán.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores