Entrevistas
11 de agosto de 2010
Esteller: 'Volvo á liga española para xogar nun equipo moi equilibrado'

Despois de dúas tempadas na liga italiana, cunha pequena parada no Playas de Salou, Adriá Esteller Cortina, un dos inquilinos máis recentes do Burela FS, confesa sentirse afortunado por vestir de laranxa en 2010-11. “Volvo á liga española para xogar nun conxunto moi equilibrado; para min é unha sorte ter a oportunidade de formar parte dun equipo de referencia en Prata como é o Burela FS, un dos habituais dos play-off de ascenso a Honra tempada tras tempada” declarou o ala na compaña do presidente mariñán, José Ramón González Casas.

“O Burela FS deste ano é unha mestura moi bonita entre xuventude e a base sólida doutros exercicios” dixo o catalán en relación co cadro burelista 2010-11. A moitos dos seus actuais compañeiros xa os coñecía como rivais, da súa etapa en Albacete e Zamora, pero tamén contaba con información ‘top secret’ dun ex-burelista moi próximo, Gerard Esteller: “Xa tiña moi boas referencias dalgúns xogadores, como Juanma ou Minu, cos que coincidiu meu irmán no equipo; Gerard tan só ten palabras de respecto para o Burela FS e nos primeiros días aquí xa o estou confirmando”.

Esteller agradeceu o recibimento e destacou o gran traballo que se está desenvolvendo no club. O catalán salienta por riba de todo a importancia dos logros colectivos. “Este grupo ten velocidade, xogo entre liñas, un contra un…, pero máis alá das habilidades individuais, que non se poden cuestionar neste cadro, debemos pensar nun obxectivo único para que as cousas saian ben”.

Con respecto á duración da liga e á novidade da Copa do Rey, o ala móstrase optimista. “Esta vai ser unha tempada moi rifada con moito desgaste e cunha final cada fin de semana, pero estou seguro de que coa preparación de Suso Rey estaremos nas mellores condicións para afrontar calquera competición” concluíu Esteller.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores