Entrevistas
5 de agosto de 2010
Adri Gaona: 'Co Burela FS podo sacar partido ás miñas calidades'

Cunha peculiar mestura de aires do sur e da meseta, Adri Gaona, ala-peche gaditano procedente do Extremadura Cáceres 2016, vive os seus primeiros días coa elástica laranxa moi motivado. O andaluz mostrouse gratamente sorprendido pola súa adecuación ao estilo de xogo do equipo. “Esta pode ser unha tempada moi bonita para min. Co Burela FS poderei sacar partido ás miñas calidades porque me adapto perfectamente á idea de defensa de Suso Rey; aperto moi forte na liña de balón e son rápido nos contraataques” declarou o xogador xunto ao presidente da entidade, José Ramón González Casas.

“O acoplamento ao bloque está sendo moi doado. O cadro acolleume coma se fósemos vellos coñecidos; estou seguro de que poderei aprender moito tanto do míster coma dos máis veteranos do grupo, dos que recibo os consellos coma se fosen ouro”, dixo Adri Gaona, que tamén fixo referencia á seriedade con que o Burela FS está preparando a que será a súa oitava tempada en Prata, con desexos de recoller os maiores éxitos: “Os adestramentos están sendo moi esixentes e os resultados terán que reflectirse nunha tempada que será a máis bonita de Prata, por calidade e espectáculo. A única desvantaxe da redución a un grupo, a fatiga das viaxes por toda España, podo compensala coa oportunidade de volver xogar na miña terra, Andalucía”.

O gaditano espera poder responder á confianza depositada polo club burelista co mellor de si. “Non son un xogador goleador, pero deixareime o peito por defender e os goles que poida marcar benvidos sexan”, concluíu o ala-peche facendo referencia á súa contribución ao equipo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores