Entrevistas
29 de xullo de 2010
Víctor Cachón: 'Chego moi ilusionado e con ganas de aprender'

Na súa primeira semana na Mariña, unha das incorporacións ao Burela FS 2010-11, o gaditano Víctor Cachón, amosouse entusiasmado co proxecto que dirixirá Suso Rey no único grupo que compoñerá a División de Prata a vindeira tempada. “Chego moi ilusionado  e con ganas de aprender. Os primeiros adestramentos están resultando moi gratificantes e estou recibindo un trato magnífico de todos os membros do equipo”, afirmou o ala-pivote, na compaña do presidente da entidade, José Ramón González Casas, e do directivo José Luis Sáez.

Acabado de aterrar nun cadro completamente descoñecido, o xogador andaluz, de 22 de anos, identificou a xuventude como a arma máis poderosa do conxunto laranxa. “É un proxecto de xente moi nova, que adquire a estabilidade necesaria grazas á experiencia de xogadores que xa son toda unha referencia no equipo e na categoría. Eu penso que con ganas e ilusión podemos cumprir todos os obxectivos” dixo Víctor, que tamén fixo referencia ao seu futuro papel no Burela FS. “Aínda é moi cedo para cuestionarse metas moi concretas, pero eu tratarei de contribuír ao bo traballo do equipo co que mellor se me dá, que son os goles e os pases de cara á portería. Confío en seguir evolucionando en finalización co Burela FS”, concluíu o gaditano.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores