Entrevistas
1 de xullo de 2010
Jozi: 'A cita co Brasil será un bo momento para mellorar coñecementos'

Apenas transcorreron dúas semanas dende o remate da liga da División de Honra Feminina e a gardameta internacional do Burela FSF Pescados Rubén, Jozi, xa se atopa inmersa nun novo remuíño futbolístico por petición da Selección do Brasil: “Estou moi contenta con esta nova convocatoria. Trátase dunha noticia que desexaba que acontecese, pero non era doado que se dese porque agora estou en España e pensaba que iso faría que me tiveran menos en conta, xa que no Brasil hai porteiras excelentes”.
 
Neste novo chamamento da ‘Canarinha’, a primeira parada para Jozi será a participación nun clínic específico de gardametas na rexión de Fortaleza, que reunirá os mellores ‘goleiros’ do seu país (5-9 de xullo). “En total seremos 4 porteiras e 12 porteiros, os mellores do Brasil nesta posición. Este será un bo momento para mellorar os coñecementos e intercambiar opinións. Contamos cos mellores adestradores para tratar aspectos moi concretos da nosa técnica, que se desenvolverán en varias xornadas de charlas e adestramentos” destacou a burelista.

Antes de pensar na que será a súa segunda tempada no Burela FSF, Jozi concluirá a súa cita coa selección brasileira en Fortaleza nunha concentración entre o 11 e o 19 de xullo, como preparatorio do campionato previsto para decembro en España: ‘Volveremos reunirnos moitas das xogadoras que conquistamos o título sudamericano o ano pasado para realizar algún amigable. Comigo tan só van convocadas outras dúas xogadoras da liga española, Ju Delgado (Femesala Elche) e Priscila (Navalcarnero)” concluíu a gardameta laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores