Entrevistas
22 de decembro de 2009 A Mariña-El Progreso//Foto:C.E.
Pardeiro: 'A lesión de Lucía e a prematura vantaxe mostoleña marcaron o desenlace'

O Burela FSF Pescados Rubén sufriu, na pista do Móstoles, a súa derrota máis avultada dende o ingreso na División de Honra Feminina. As laranxas caeron por 9-0 ante un dos mellores equipos do campionato e perden unha posición, ata a sexta praza, con 24 puntos, un menos que o Valladolid, que agora é quinto.

O adestrador mariñán, Javier Pardeiro, explica o sucedido con base na serie de desgrazas dos primeiros compases do encontro. “Non queremos buscar escusas, pero a mala sorte cebouse con nós no tramo incial do encontro. Antes do primeiro minuto lesionouse Lucía, unha xogadora referente para nós tanto defensiva como ofensivamente e antes do 8 xa perdiamos por 3-0, con dous goles en propia meta e outro nunha xogada desgraciada”, asegurou o técnico, que cre que tanto a baixa de Lucía coma o feito de verse por debaixo no marcador con tanta desvantaxe “foron golpes moi fortes que marcaron o desenvolvemento e o desenlace do partido”.

A Pardeiro non o preocupa excesivamente a goleada, porque cre que tivo moito que ver co arranque do encontro y non coa diferenza real entre ambos os conxuntos. “Non se pode falar de falta de actitude nin desleixo. O meu equipo seguiu sendo fiel ao estilo de sempre e tratou de loitar pese á adversidade”, dixo.

O adestrador do Burela FSF considera que a derrota non lixa a traxectoria exemplar do equipo na máxima categoría e non ten por que afectar negativamente para o futuro. “As derrotas sempre amolan e máis por perder por 9-0, pero vin as miñas xogadoras enrabiadas polo resultado e pensando en medirse a este rival na Copa para sacar a espiña. Valoro enormemente esta circunstancia porque é un sinal de valentía”, asegurou o téncico do cadro laranxa.  

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores