Entrevistas
1 de decembro de 2009 A Mariña-El Progreso//Foto:C.E.
Dolo: 'A marxe de mellora pasa por seguir igual'

O triunfo ante o Ourense, 5-2, no primeiro derbi galego da División de Honra Feminina, consolida o Burela FSF Pescados Rubén na terceira praza da máxima categoría. Unha das principais artífices do triunfo laranxa foi Dolo, ex-xogadora do Ponte Ourense FS, que marcou dous goles e puxo en bandexa outro ás súas compañeiras. A xogadora recoñece que marcar ante un ex-equipo “é unha satisfacción persoal”, pero deixa ben claro que o prioritario é o sentimento colectivo. “A min o único que me importaba era gañar. Sabiamos que unha derrota implicaría perder posicións e que un triunfo nos permitiría seguir arriba e afastar un rival directo”, dixo.

Dolo considera que o resutlado fai xustiza á superioridade burelá, aínda que considera que houbo dúas partes diferentes. “No primeiro tempo custounos despregar o noso xogo habitual, xa que saímos á pista con moita cautela, pero tras o descanso fomos superiores, sobre todo no plano físico”, sinalou.

As xogadoras mariñás conviven coa etiqueta de equipo revelación, relacionándose coa elite da categoría, aínda que todo o mundo mantén os pés no chan. “Creo que a nosa traxectoria está sorprendendo a todo o mundo, ata a nós mesmas, de forma moi grata. O que si quero dicir é que non é froito da casualidade, senón do esforzo e compromiso de todo o equipo e do bo traballo do corpo técnico, que está sacando o mellor de cada xogadora”, asegurou Dolo, que espera manter o nivel nas próximas semanas. “Sempre se poden perfeccionar algúns detalles, pero a nosa marxe de mellora pasa por seguir igual. Todas asinariamos que a liga acabase como estamos”.

A ilusión das burelás é disputar por primeira vez a Copa no seu ano de estrea na máxima categoría, aínda que Dolo pide prudencia. “É un pouco arriscado aventurar prognósticos de tanto calibre. Agora viaxamos a Castelldefels e despois recibimos o Diamante La Rioja nun partido que vai ser dificilísimo. Se somos capaces de sumar os seis puntos poderemos ter unha base máis sólida para achegarnos á Copa”, concluíu.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores