Entrevistas
17 de novembro de 2009 A Mariña-El Progreso
Pardeiro atribúe as seis vitorias á entrega e profesionalidade do seu cadro

“Defenderemos este soño con uñas e dentes”, afirmou Pardeiro, adestrador do Burela FSF Pescados Rubén, tras prolongar unha semana máis o seu éxito na División de Honra Feminina. O 6-4 fronte ao Atlético de Madrid Navalcarnero permítelle ao cadro laranxa recuperar un posto entre os tres primeiros, ao superar o seu último rival. “Gañar seis encontros seguidos nesta categoría non está ao alcance de calquera, pero é que este último triunfo foi ante o actual campión de Copa, un serio aspirante ao título. A satisfacción é total”, sinalou o técnico.

O conxunto mariñán tivo que esforzarse ao máximo para superar un gran rival, ao que chegou dominar por 5-1, un resultado que non se esperaba tras a igualdade da primeira parte.

“O primeiro tempo foi moi nivelado, cunha gran calidade dos dous equipos. Houbo equilibrio constante, tanto na posesión de balón como nos lanzamentos á portería”, asegurou Pardeiro, que cre que a segunda metade estivo marcada pola eficacia do seu equipo. “Elas tiveron máis posesión de balón, pero nós soubemos xogar con marcador a favor e matar o partido. Con porteira-xogadora o rival reduciu distancias, pero nunca tememos polo resultado”.

A Pardeiro non lle gusta que se relacione a fortuna coa traxectoria do seu equipo, xa que considera que minimiza o enorme esforzo das súas xogadoras. “Cando gañas dous partidos seguidos pode ser froito da casualidade, pero cando saes vitorioso en seis, tres ante aspirantes ao título, entón hai que pensar que pode haber algo máis. Penso que se debe á entrega, ilusión e profesionalidade dun grupo de xogadoras que están superando as expectativas máis optimistas e que están dispostas a facerse un nome na División de Honra”, dixo o técnico, que insiste en manter a liña de traballo.

“Pouca xente podía imaxinar que a estas alturas da tempada estariamos terceiros, pero esta posición non impedirá que vaiamos a Zaragoza coa humildade dun novel na categoría”, concluíu.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores