Entrevistas
6 de novembro de 2009
Os goleadores laranxas Lucía e Dani Martín analizan as traxectorias burelás

Burela FSF Pescados Rubén e Burela FS chegan ás súas respectivas xornadas de descanso en Honra e Prata nun excelente momento. Ambas as dúas competicións albergan a cor laranxa no podio, coas xogadoras de Javier Pardeiro na terceira praza e os pupilos de Suso Rey liderando o Grupo Norte. Dous dos grandes responsables destes extraordinarios resultados son as incorporacións goleadoras desta tempada, a ourensá Lucía Nespereira (7 goles) e o salmantino Dani Martín (5 goles). Os pichichis laranxas analizan a evolución de cadanseu cadro no comezo ligueiro. 

Que valoración lle merece a traxectoria do equipo ata o momento?

Lucía. Chegar á terceira posición en sete xornadas era algo que nin podiamos imaxinar cando saímos a Honra. Somos unhas das novatas e pagámolo ao comezo, pero soubemos recuperarnos. Non obstante, como di Pardeiro, esta praza non deixa de ser anecdótica e debemos seguir traballando como o primeiro día.
Dani. Estou satisfeito tanto persoal coma colectivamente co papel desenvolvido nestes oito encontros, aínda que ao Burela FS aínda lle queda moito por demostrar. A derrota ante Gijón-El Llano, a primeira na casa, non nos debe presionar porque seguimos no liderado e con moitos partidos por diante.

Que aspectos pensa que precisan perfeccionar para manter os postos de arriba?

Lucía. Ofensivamente estamos reaccionando ben. Somos un equipo acostumado a presionar, pero como contrapartida, aínda que non fraqueamos en defensa, con este estilo de xogo tamén encaixamos moitos goles.
Dani. Configuramos un cadro novo. A incorporación de cinco xogadores condiciona a complicidade na pista; necesitamos seguir coñecéndonos para desenvolver un xogo máis engarzado.

Está sendo doada a súa integración no conxunto?

Lucía. O Burela FSF é un grupo moi unido. O certo é que me sinto moi cómoda na pista coas miñas compañeiras e amigas. Iso tamén pode influír no meu acerto de cara á portería; non son unha xogadora de moitos goles, pero estou nunha boa época.
Dani. Son un xogador novo no equipo e iso nótase; non obstante, por parte dos xogadores e do corpo técnico todo son facilidades para que me sinta ben.

Afectará a xornada de descanso á liña de traballo burelá?

Lucía. Esta parada vainos servir para reforzarnos. Temos un plan de traballo sólido; fisicamente non temos problemas e estes días poderemos recuperar forzas para seguir in crescendo.
Dani. Penso que non vai influír. Hai que tentar manter a mesma liña e ir partido a partido. Con respecto á clasificación, a parada non nos debe intimidar porque os rivais máis directos, Gijón e Avilés, aínda teñen pendente o descanso.

Regresarán á competición con cita complicada?

Lucía. Volveremos con partido na casa ante un dos históricos da elite, o Atlético de Madrid Navalcarnero, cun palmarés envexable. É un conxunto acostumado aos postos altos, que non vai poñer as cousas doadas; temos que repetir en Vista Alegre un partido coma o do UCAM Murcia (3-0).
Dani. O de Gáldar vai ser un encontro moi bonito, onde dous rivais directos midan as súas forzas. Agora mesmo, os canarios están un punto por debaixo e non van querer desbotar a oportunidade de arrincarnos a vitoria.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores