Entrevistas
3 de novembro de 2009 La Voz de Galicia // Foto: C.E.
Pardeiro móstrase ilusionado, pero tamén cauto, coa traxectoria do Burela FSF

O Burela FSF Pescados Rubén cumpriu, co triunfo de Telde, cinco vitorias consecutivas, encamiñadas, despois de dúas derrotas, co asalto á cancha do Cajasur Córdoba, un equipo que non perdía no seu feudo dende había dous anos e ante o que lles daban moi poucas opcións ás xogadoras laranxas. Grazas a estes quince puntos, as burelás afrontan a súa xornada de descanso, esta fin de semana, no podio.

A pesar desta cómoda situación, o técnico burelao, Javier Pardeiro, recoñece o gran momento que está atravesando o seu equipo, pero prefire ter os pés no chan e non lanzar as campás ao voo. “Estamos moi contentos porque son cinco vitorias seguidas na División de Honra, estamos nun momento moi doce e as cousas estannos saíndo de marabilla, o que referenda o gran traballo do equipo», indicou.

Un dos aspectos más destacados da boa  traxectoria do conxunto laranxa é o feito de que as burelás non se viñeron abaixo despois das dúas primeiras derrotas, a pesar da súa condición de novatas na categoría e de visitar a cancha do temible Cajasur Córdoba: “Cando sumamos as dúas primeiras derrotas e no horizonte estaba a visita a Córdoba, moitos xa nos daban por acabados e pensaban que o iamos ter moi difícil para salvar a categoría, pero o equipo soubo refacerse e lograr unha vitoria moi importante en terras andaluzas, ao que os triunfos das cordobesas por goleada nas últimas xornadas aínda lle achegan máis mérito ao conseguido aló”.

Non obstante, o técnico burelao é cauto e entende que “nin antes iamos descender tan axiña nin agora imos acabar seguro arriba; todo ten un termo medio”.

O preparador non lle concede maior importancia á xornada de descanso nin cre que sexa un factor a destacar se o seu equipo acaba co súa boa fortuna ante o Navalcarnero, próximo rival. “Nós estamos adestrando moito, con moita intensidade e ilusión, polo que non ter partido unha xornada non creo que nos afecte nin vai facer que empecemos a xogar mal, como si podería ocorrer se houbese lesións”, concluíu.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores