Entrevistas
20 de outubro de 2009 A Mariña-El Progreso
Pardeiro: 'Sempre imos manter os pés no chan'

A vitoria na pista do Pinto Cellosa Torrejón encheu de satisfacción o adestrador do Burela FSF Pescados Rubén, Javier Pardeiro, contento polos puntos e pola imaxe que ofreceu o equipo, sobre todo no tramo inicial. “Creo que fixemos os mellores dez ou doce minutos da tempada. Puxémonos 0-3 e tivemos ocasións de sobra para sentenciar o encontro con tres ou catro tantos máis. A posesión do balón foi total pola nosa parte e as chegadas eran constantes”, asegura o técnico, que viu como o rival acurtaba as diferenzas antes do descanso, aínda que non chegou a xerar dúbidas no equipo. “A verdade é que me enfastiou bastante chegar aos vestiarios con 2-3 despois do bo traballo feito, pero cometemos algún erro, froito da relaxación, que lle permitiu ao rival entrar no partido”.

As burelás recuperaron o seu mellor nivel no segundo tempo, aínda que ao 2-4 volveu responder o equipo local. O quinto gol xa foi determinante, segundo Pardeiro. “Foi o que acabou coa súa resistencia”, dixo o técnico.

Pardeiro considera que a quinta posición que ocupa o seu equipo é “anecdótica, aínda que merecida” e concede maior importancia ás tres vitorias consecutivas na División de Honra. “Sempre dixen que o triunfo en Córdaba supuxo moito máis ca tres puntos, xa que nos deu unha autoestima e unha moral que resulta fundamental para competir. Agora é o momento de manter os pés no chan e ninguén vai pensar noutro obxectivo que non sexa a permanencia”, dixo o adestrador da escuadra burelá, que valora a diferenza que está collendo o seu equipo cos rivais da zona baixa. “Para un equipo novo na categoría é moi importante sumar moitos puntos ao principio e iso é o que estamos intentando facer, aínda que debo dicir que estou tan satisfeito polo xogo coma polos resultados”, dixo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores