Entrevistas
20 de outubro de 2009 La Voz de Galicia
Suso Rey: 'Podemos dar moito que falar porque seguimos medrando'

Desde o vestiario do Burela continúan saíndo mensaxes cargadas de ambición. O último lanzouno o técnico, Suso Rey, impulsado pola nova situación na táboa e a boa imaxe mostrada ante o Extremadura Cáceres 2016 no partido disputado o sábado en Vista Alegre. Insaciable onde os haxa, Suso Rey agradece o salto ata o terceiro posto pero mira cara ao chanzo máis alto. “Antes da xornada de descanso temos dous partidos nos que podemos coller o liderado, porque o Avilés ten que visitar o Talavera. Será difícil, pero imos loitar por iso”, asegura.

De entre as razóns que esgrime para argumentar o seu optimismo, o adestrador burelao destaca a ampla marxe de mellora do que aínda dispón o seu cadro, con máis mocidade ca nunca e concibida con miras menos ambiciosas que en campañas anteriores. “É posible que haxa xente que non crea en nós, pero estou seguro de que podemos dar moito que falar este ano porque seguimos medrando. Temos xogadores que poden e van achegar moito máis que ata agora”, asegura Suso Rey.

Do duelo ante o Extremadura 2016, que apuntou o Burela por un axustado marcador de 4-3, o preparador mariñán queda co rendemento dos seus homes no primeiro período, “tanto en ataque como en defensa”. “Tivemos moita mobilidade con e sen balón, o que nos permitiu chegar con moito perigo á meta contraria, e coa presión que fixemos provocamos moitas perdas do rival”, analizou. “Na segunda parte eles saíron con máis decisión e nós vímonos condicionados polas faltas, que nos fixeron retroceder demasiado”, engadiu Suso Rey.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores