Entrevistas
13 de outubro de 2009 A Mariña-El Progreso
Dolo: 'Agora os rivais respéctannos'

O Burela FSF Pescados Rubén conseguiu o primeiro triunfo da súa historia en Honra en Vista Alegre ao imporse por 2-1 ao Kupsa 4 Arcos Logroño o sábado pasado. A escuadra burelá suma 6 puntos tras encadear dúas vitorias consecutivas e afiánzase na zona media da clasificación logo de disputarse as catro primeiras xornadas.

Unha das xogadoras destacadas do Burela FSF, a ala Dolo, cre que o seu equipo debeu liquidar con maior diferenza o choque fronte ao Logroño, aínda que dá por bo o 2-1 final. “Talvez foi un encontro no que non debemos sufrir tanto porque tivemos ocasións dabondo para sentencialo antes, pero está claro que a lectura é moi positiva, xa que os tres puntos quedaron na casa e iso é o máis importante”, explicou Dolo.

A xogadora cre que era moi importante encadear dous triunfos seguidos para darlle continuidade ao gran traballo de Córdoba, ademais de estrearse na casa. “O encontro de Córdoba serviunos para demostrarnos a nós mesmas que con traballo e ganas podemos vencer en calquera pista, xa que o Cajasur era o campión de liga. Deunos moita moral e fíxonos gañar moito respecto a todos os niveis. Agora os rivais saben que non será doado gañarnos e ante o Logroño xa o demostramos”, sinalou a ala.

O comezo de tempada das burelás está superando as expectativas máis optimistas, sobre todo tras empezar con dúas derrotas que facían presaxiar o peor. “O comezo é moi positivo, xa que non hai que esquecer que antes de empezar a liga tamén gañamos a Copa Galicia e fixémolo vencendo con claridade en semifinais a un equipo de Honra. Agora temos moita confianza porque nos gañamos o respecto de todos os rivais?, asegura a xogadora, que no entanto cre que hai que manter a dinámica de traballo e seguir cos pés no chan. “Non podemos esquecer que somos un equipo recentemente ascendido e que o noso único obxectivo é a permanencia. Non imos renunciar a quedar o máis arriba posible, pero o prioritario é sumar os puntos que nos permitan seguir na categoría”, dixo.

Unha das claves para conseguir os obxectivos marcados pode ser o apoio dos afeccionados burelaos e Vista Alegre. “O público xa estivo impresionante no encontro que perdemos ante o Campillos e volveu axudarnos moito fronte ao Logroño. Estamos moi contentas coa afección e esperamos que siga igual toda a tempada”, concluíu Dolo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores