Entrevistas
6 de outubro de 2009 La Voz de Galicia
Lucía: 'Saímos moi mentalizadas para dar guerra'

O resultado da sección feminina laranxa en Córdoba culminou unha fin de semana redonda para o CD Burela. Un día despois da vitoria do equipo masculino sobre o Talavera (3-2), un conxunto cuxo liderado recae sobre dous campións do mundo (Joan e Riquer), o cadro de Javier Pardeiro sorprendía na pista do Cajasur Córdoba (3-4), actual campión da División de Honra e da Supercopa de España e invicto na súa cancha durante os dous últimos anos.

As mulleres perderon o medo na súa longa viaxe por estrada a terras andaluzas e completaron con éxito unha misión “case imposible”. A estratexia defensiva deseñada por Javier Pardeiro, así como o seus estimuladores consellos durante a semana, resultaron determinantes no triunfo, segundo destacou Lucía Nespereira, bigoleadora e unha das mellores xogadoras laranxas. “O Córdoba é un equipo afeito a atacar defensas moi pechadas e non atoparon resposta ante a nosa, nin sequera nos últimos minutos, cando xogaban en superioridade pola miña expulsión. Esa foi la clave do éxito, ademais de saír moi mentalizadas para dar guerra”, apuntou a ala-peche ourensá, non sen recoñecer que, pese a todo, o triunfo pode considerarse “case un milagre”.

Para Lucía Nespereira, ademais de supor “un golpe na mesa”, esta vitoria será a solución aos problemas de confianza que puidese haber nun cadro que poderá recuperar para a próxima xornada unha das súas bazas, Raquel de Souza. “É a estrela do equipo e seguro que o rendemento colectivo será maior coa súa presenza”, afirmou.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores